Sesión 19. Buuuuh, fantasmiñas a nós… Farlee ten unha flor no cu (e salvou os nosos). – Diario de Sesións. Furia Demoníaca: saír do Abismo.

E quén veñen sendo estas personaxes

(Detalle do grupo de personaxes)

Sesión 19. Buuuuh, fantasmiñas a nós… Farlee ten unha flor no cu (e salvou os nosos).

— Perspectiva de Breina

Na porta vemos unha inscrición na que pon Brysis de Khaen, vémolo despois de limpala para asegurármonos de que estamos diante do lugar que alberga a súa tumba. Oroko teima en atravesar a porta para ir trala voz que tan só el oíu. K’nelitah busca camiños alternativos pero o único que atopa é a confirmación de que ou ben damos volta por onde viñemos ou ben cruzamos a porta. Como o sentido común neste grupo é o menos común dos sentidos, nin tan sequera valoramos a posibilidade de dar volta e non facer caso dos desvaríos dun tolo e comezamos a buscar algún mecanismo oculto que nos permita abrir a porta. Farlee fai gala da súa intelixencia e despois dunha pormenorizada observación infórmanos de que vai ser difícil de abrir (a cuestión é que leva moito tempo pechada e está entalada pero tampouco non lle pidamos tantos detalles) e propón empregar maxia: cero medo ás posibles consecuencias de usar maxia en zonas de Faerzress .

Finalmente, entra en razón, para quietiña e decidimos usar a nosa escasa forza bruta para tentar abrir ás bravas: Farlee refrégase contra a porta; Silge chorrea co esforzo; e, mentres, Breina e Oroko, ábrena.

Vemos unha sala pequena de pedra, coma unha sala, un recibidor. Silge lanza unha pedra para ver se fai saltar algunha trampa. 

 Clonc, clonc, clonc… un eco. Na cabeza de Oroko, resoa unha voz que lle di que imos ben, que sigamos avanzando. Todo normal, unha información moi fiable e tranquilizadora. Silge cólase pola regandixa que conseguimos abrir. Ve un debuxo de pedra que representa unha feiticeira moi nobre, rodeada de escravas e unha cidade. Ó fondo da estancia hai unhas escaleiras que baixan, semella que ata moi abaixo, pero Silge só chega a ver o primeiro entrechán. Non parece haber nada sospeitoso máis alá da curiosidade do calendario debuxado na parede, polo que nos anima a entrar ó resto. Oroko investiga o calendario. Parece estar baseado no movemento das nubes e do sol. É un calendario das cidades que flotan no ceo, esas que caeron, afundiron ou como fose… Non é capaz de averiguar canto tempo leva alí, aínda que estima que máis de cen anos. Decidimos chamar polos que quedaron arriba para que Jimjar bote unha man e Stool estea protexido. Buppido, pois tamén que non vai quedar alí el só. Stool baixa a rolos e chega ós brazos de K’nelitah tan magullado coma entusiasmado. Jimjar e Buppido estámpanse contra o chan.

Comezamos a baixar as escaleiras.

Descendemos o que semellan ser varios niveis ata que chegamos a unha sala. Vemos tapices vellos, cheos de po e rasgados. Non se distinguen xa as imaxes. Contra a parede da esquerda, un altar de pedra. Tamén hai dúas portas.

K’nelitah e Oroko diríxense ó altar para investigalo. K’nelitah imaxinando o ouro que puido haber alí, pérdese en ensoñacións. Oroko observa que o deterioro é máis recente ca esa centuria que estimou antes. Só se ven os danos, non rastros de quen ou que os causou.

Aparecen símbolos de elementos máxicos e un pequeno relevo da feiticeira que vimos representada na entrada. Antóllase unha semielfa. 

A voz resoa de novo na cabeza de Oroko. A este meu curmán patínalle a neurona cousa fina, ás veces sinto vergonza allea, e sorpréndenos dando un concerto dende o altar para comunicarse con ela. Preséntase como a Portadora da Alba, a que dá luz nos lugares escuros, unha espada de luz, e indícalle a Oroko que debemos seguir baixando para atopala. Isto non nos soluciona a dúbida que tiñamos de por cal das portas debemos ir. Farlee lembra que leu nalgún lugar que hai armas máxicas que poden ter personalidade propia, que maioritariamente son lendarias e poderosas e que, algunhas, mesmo poden ter un poder diferente en función do ser que as branda. 

 Das dúas portas, unha está moito máis ornamentada que a outra. Farlee decide que esa debe de ser a boa e, coa axuda de Oroko, empúrrana e ábrena. Diante, atopan outra porta que dá a unha sala onde hai un sartego. Os muros foron excavados en forma de nichos e neles hai xerros exipcios de cerámica. Na tapa do sartego hai unha serie de mosaicos que na distancia non se distinguen moi ben por estaren cubertos de po. A tapa do sartego semella moi pesada.

Farlee cágase pola pata e négase a abrir a tumba, mentres Hemeth nos anima a saqueala. Parece que algo aprendimos e tampouco nos apetece arriscar. Farlee limpa a cuberta do sartego. Agora percíbense uns mosaicos que representan cidades flotantes con fermosas paisaxes. Entre as cidades, hai criaturas humanoides que voan sobre criaturas aladas. Aparece o nome de Brysis de Khaen.

Oroko retírase de novo para falar coa Portadora da Alba. Consegue que lle conte que a súa última portadora foi Brysis e que lle narre o cataclismo que fixo caer as cidades do ceo. Brysis caeu no derradeiro combate, vítima do esgotamento e a pena. Dende ese momento, a espada só percibíu un silencio roto en contadas ocasións por extrañas brisas.

Farlee e Oroko volven á sala na que quedamos o resto e tentan abrir a outra porta cun resultado tan nulo coma ridículo. Coa axuda de K’nelitah conseguen abrila.

Ó outro lado, vemos catro sartegos de pedra. Cada un ten na tapa unha escultura dunha figura humanoide durminte, tapada cunha capa. Oroko ten a iluminación de que quizais a baixada ó nivel onde supoñemos que estará a espada, pode estar agochada no interior dun dos sartegos. K’nelitah disponse a petar nas tapas para ver se o son lle indica algo pero Farlee detena e pídelle que antes os observe. Parécelle que na parte inferior do sartego ubicado máis ó nordeste hai uns rodamentos que poderían servir para movelo.

Entón, recupera a súa idea inicial e peta nunha das tapas… provocando a aparición enriba de cada un dos sartegos duns espectros moi cabreados por seren importunados.

K’nelitah sinte como unha man atravesa o seu corpo e lle vai drenando a vida… deixándoa ó límite das súas forzas. Breina tira unha frecha e dá nun dos espectros pero semella que boa parte do dano se esvaece. Mentres, Fango corre á outra sala e rasca o sartego de Brysis chamando pola súa axuda… pero non semella que aconteza nada.

Jimjar bota a correr a unha velocidade endiañada, salta sobre K’anelitah coa súa espada curta, evitando os ataques dos espectros, e atácaos. Dá no seu obxectivo e, dalgunha maneira, consegue causarlles dano. Farlee decide facer un conxuro para iluminar e ver algo. A inestabilidade provoca que o seu conxuro se convirta nun lanzamento de proxectís que consegue reorientar matando a un dos espectros. ¡Nunca vin a ninguén con tantísima (sorte) pericia!

Silge saca a ballesta e dispara pero o virote pérdese sen darlle a ninguén. K’nelitah, un chisco desesperada, emprega o mesmo conxuro máxico, iluminando a un dos espectros. De súpeto, vese rodeada por unha música etérea que a envolve e lle nubra o entendemento. Buppido dispara e golpea con suavidade a unha das criaturas. Vai parecendo máis brandiña pero… aínda segue aí. E segue aí mesmo despois de arrearlle Oroko unha pedrada coa súa honda.

Hemeth corre á outra sala e tenta abrir o sartego… ou non. Os espectros atacan a Oroko e Jimjar que notan como a vida marcha do seu corpo. Jimjar está moi malferida. Oroko interponse entre ela e un dos espectros e a duras penas aguanta o golpe. Breina entra na sala armada coa cimitarra e solta un bo golpe pero a penas logra facerlle dano ó espectro. Jimjar, malferida, xa non atina.

Farlee segue desafiando á inestabilidade máxica lanzando feitizos. Consegue eliminar a un espectro… e aparecer triplicada, ¡como se non houbese suficiente con ter unha! K’nelitah consegue rematar co terceiro espectro cunha certeira pedrada da súa honda e celébrao canturreando a música que resoa na súa cabeza. Buppido decide aportar algo lanzando un virote da súa ballesta.

Jimjar revólvese xa sen medo de danar a Oroko que conseguíu afastarse e lánzalle dous violentos ataques ó espectro, deixándollo franco a Farlee que corre co seu bastón en alto para darlle o golpe de gracia… e consegue que o seu bastón o atravese sen máis. Sarith, dende a distancia, remátao ó berro de “¡por Silge!”.

Eliminada a ameaza espectral, Hemeth empurra de verdade a tapa do sartego e consegue abrilo. Del emerxe unha voz que retumba na sala: “perturbastes o descanso de Brysis de Khaen, ¡seredes malditos!”.

Hemeth sae indemne pero Fango non ten tanta sorte e queda maldito, desexando con tódalas súas forzas ter feito caso daquel primeiro impulso de traballarlle nunha perna a ese imbécil.

Dentro do sartego no canto dos restos dun cadáver hai unha estatua a tamaño natural dunha semielfa. Esgotadas por toda esta actividade, decidimos parar a descansar antes de afrontar o que vén: toca mover o sartego que vimos que está montado sobre rodamentos.

Bah, morralla, ¿que pode pasar?

NPCs

[As imaxes amosadas a continuación son as que empreguei na campaña privada pero teñen os seus lexítimos dereitos, indico aqueles das que atopo a autoría. Os sexos e xéneros das criaturas poden non coincidir cos da campaña orixinal xa que aplico certos criterios na miña dirección como máster]

SarithBuppidoJimjarStoolHemezh

Calculadora de Experiencia de creación propia. 

Ver o listado de sesións: Diario de Sesións – Furia Demoníaca

Deixar un comentario