Lamia Escura: criatura mitolóxica galega – arte de ys.animart. Galego

A Lamia é a criatura que dá nome a esta web. Como se comenta na entrada de presentación, o logo foi creado por miña irmá e, nesta entrada de ano, vou inicialo presentando a imaxe da Lamia como personaxe, feita por ela mesma.

Como indiquei na primeira entrada, a Lamia é unha criatura mitolóxica que aparece en diversas mitoloxías, na galega, a Lamia, ou Lumia son criaturas malignas, fermosas, con medio corpo de dragona e medio corpo de muller. Viven en covas e hai lendas que din que encantan homes infieis coas súas cancións e lles chuchan o sangue.

Monstro composto por corpo dragón e face de muller, en xeral de gran fermosura. Adoitan estar vinculadas ó folclore dos castros debido á súa capacidade para faceren encantamentos, viviren en covas e causaren diferentes danos (similar ás mouras), emitiren cantos engailadores (similar ás sereas), zungaren sangue (similar ás meigas chuchonas, incluso co vampirismo). Dise que son invocadas nos ríos e tamén se vinculan con formas acuáticas como peixes ou parrulas. Algunhas lendas foráneas falan de que foi amante dun poderoso deus, e a súa parella, en vinganza matou ás crianzas da Lamia que, entolecida, foi asociada a zugar sangue infantil e asasinatos. (Galicia inmaterial. Galicia máxica : Casteleiro Santos, José Luis, García Seoane, Miguel, Sardiña, Carlos: Amazon.es: Libros)

Autora arte – YS.animart

A creadora é a miña irmá, chámase Yas. Si, si, Jes e Yas un momento de inspiración de miña nai e meu pai sen fin �,

Se queredes ver máis das súas creacións, aínda que non as fai profesionalmente a pesares da súa habilidade, podedes acceder ao seu perfil de Instagram.

A maioría dos seus debuxos son con técnicas tradicionais (lápis, ceras, acuarelas, etc.) e agora está probando coas dixitais. Tamén experimenta con algo de cerámica e ganchillo (tentada por min �).

O contido é bastante diverso: anime, videoxogos, D&D, animais, mitoloxía, debuxos personalizados, etc. Alí podedes ver, por exemplo a Vivi do FFIX ou a Erwin Smith de Shingeki no Kyojin.

As súas creacións naceron da súa afición e interese artístico, comezou a compartilo recentemente por diversión, así que calquera persoa interesada será ben recibida na súa conta. É moi riquiña, como non pode ser de outro modo  �.

Se queredes utilizar os seus deseños ou as súas imaxes con fins non comerciais debedes facer atribución da súa autoría; para fins comerciais poñédevos en contacto con ela.

Os mellores desexos para o ano 2022!

Deixar un comentario